Cerrado por mocos.

Levo uns días querendo escribir no bloguiño, que cousas para contar hai, pero éche un querer e non poder jaja Pesquei unha … catarreira? gripe? alerxia? … quen sabe, pero ando amolada con tanto moco.

Igual foi un virus, porque comezou a miña nai e déulle moi forte, e logo pegouseme a min. Andiven unha mañá completamente afónica, pregando porque ninguén chamara por teléfono (¿Cómo se entende un por teléfono cando non pode falar?) e cos síntomas dun arrefriado cativo; ata pensei que a cousa melloraba e non iría a máis, pero onte á noite atorouseme o nariz con tanto moco; que incomodidade!

A culpa xa foi miña, ter saído onte de paseo, pero claro, para uns días de soliño que veñen, quen resiste a aproveitalos? Tiña que ir a Cedeira mercar uns lenzos, porque xa ía sendo hora de comezar coas prácticas de pintura. Levo un tempiño xa facendo dous coleccionables (sí dous, non me daba decidido por un jaja) para aprender a debuxar e pintar, cousa que me gusta moito, pero xa teño comprobado que cualidades non teño moitas por desgraza jajaja Quizáis un pouquiño máis para o debuxo que para a pintura, pero son un desastriño en xeral. Levaba tempo aguanta-aguanta no material dos coleccionables, porque me daba mágoa estragalos cos meus debuxos de neno de primaria, pero que narices, se non se practica non se aprende non?

Velahí vai o meu primeiro óleo, pintado á unha da madrugada con moi pouca luz. Unha perda de lenzo, augarrás e óleo, pero non de tempo. Máis que nada porque pintar desestresame moitísimo.

E que eu estrésome como todo o mundo cando non dá feito con moito traballo ou outras cousas, pero estrésome moitisimo mais cando non fago algo coas miñas mans. Raiome moito e póñome insoportable así que necesito desestresar con algunha actividade deste tipo. Non me poño coa artesanía, sobre todo con algo serio porque para iso preciso ter un nivel de concentración que en estado de estrés ás veces non se consegue e por iso mellor pinto, que se queda mal dame igual, non é o meu jaja

Algo teño pintado inda que non en lenzo senón en cuncha. Motivos varios para vender como souvenir, non moi complicados.

Sobre todo a silueta das formas máis vistosas da Praia das Catedrais, pero como non teño foto na compu ahí queda esa dunha anta (dolmen).

Bueno… dicía eu antes que ontes saín a dar unha volta. Pois iso, que de paso que ía mercar os lenzos, como inda era cedo e non estaba aberto o comercio saín de paseo con intención de sacar algunha foto. E como sempre ía polos mesmos sitios, onte decidín arriscar e troca-la ruta jajajaja

Fun pola zona de Cerdido e Somozas, a toda velocidade iso sí, foi máis ben un tanteo da zona jaja

Tiña ido un par de veces á área recreativa da Queiroga e pensei en voltar porque as veces anteriores non vira moito do lugar xa que unha delas era pola noite e a outra foi unha visita relámpago. Cando fun pola noite foi unha destas situacións nas que uns amigos están cuns amigos doutros amigos… xa sabedes. Total que era un sábado que levaban todo o día alí de merendola e decidiron que mellor quedaban alí de festa que sair de bares ou discotecas, a aló nos fumos nos tamén. Noite pechada e un gracioso falando da morte que te pode enganchar en calquera lado, por exemplo no camiño que baixa por alí e … jaja foi divertido contar cun sádico no grupo.

A segunda vez que fun supoño que me moveu a curiosidade, quería ver como era o lugar polo día, pero non lembraba moito do sitio, tan só que pasara polo lado dunha igrexa que me chamara moito a atención. O área recreativa en si non me chistara moito así que onte fun máis ben polo recordo da misteriosa igrexa.

Lembro a sensación que onte me producíu ir en coche por esa estrada que leva ó cruce que vai ás Enchousas (estrada da Barqueira ás Somozas). Ahí daste conta de que verdadeiramente estás en Galicia. Tantos campos, tanto verde! As leiras traballadas para o gando … que bonito! É unha mágoa que a xente marche a vivir á cidade, eu viviría encantada nun lugar así. Nas zonas costeiras andamos a perder gran parte do encanto da nosa terra, enchéndoa de edificacións enormes que non teñen sentido eiquí. ¿Queremos facer un segundo Benidorm? ¿Pensamos que imos gañar moito con iso? ¿Non sería mellor seguir ofrecendo un turismo diferente?

Bueno, desvieime cara as Enchousas mentres ía embelesada con tanto campo e a paisaxe tan bonita da zona á que o seu característico relevo montañoso lle dá moito encanto. Indo hacia a Queiroga vin que á esquerda quedaba a igrexa que quería ver (é a parroquial das Enchousas) e decidín parar á volta.

Seguin a conducir pensando en que a Queiroga quedaba no cú do mundo, non lembraba que estivera tan lonxe jaja e ó fin cheguei. A área recreativa non me chamou moito a atención, é unha área recreativa como calquera outra máis, con muíño e río, ademáis está moi descoidada.

Velahí deixo unha foto do lugar no que pasaramos parte de aquela noite “de medo” jaja

Prégolle ó concello das Somozas que por favor leve un (ou un par) de contenedores polo ben desa árbore:

Dende logo.. é que somos cochos! Que nos costará a cada un levar a súa basura e deixala nalgún contenedor se alí non os hai …

Bueno, como dicía a área recreativa non me chista demasiado, pero onte descubrin algo co que quedei encantada. Tomeime máis tempo que a última vez en pasear pola beira do río (río Mera, por certo) e vin namorada do lugar para a casa. Teño que dicir que co calor que fixo onte, pensei máis de vinte veces non ben que se estaría bañándose no río. Queda pendente para outra ocasión. Que auga máis transparente!

Ahí deixo fotos do río:

A continuación, o mellor lugar para dar un baño. Costa resistir jeje. Non conseguin captar nesa foto o ben que está o lugar, pero é espectacular. Lémbrame un pouco ás pozas do Ferrerías xunta a central de Pantín, pero naquelas dá algo de “yuyu” meterse jeje e aquí non.

A canle que leva auga ó muíño:

A roda do muíño está algho escanghallada jeje

Á volta parei na igrexa que tantas ganas tiña de voltar a ver e tamén de “afotar”, pois a vez anterior non levaba cámara comigo. É a igrexa de San Pedro das Enchousas. Que debe estar abandoada a xuzgar polo estado exterior dos arredores, bastante descoidado. Hai herba e silvas na entrada así que polo que se ve a xente cando menos, non debe ir moito á misa jaja

A porta non ten o típico furado para botar un ollo ó interior, pero algo puiden ver porque como non está en moi bo estado por algunha fenda alcancei a ver algo. Inda ten as imaxes no interior así que non debe haber moito tempo que está pechada. Polo pouco que vin semella que é unha igrexa bonita no interior, inda que está moi descoidada e pareceume ver bastante humidade pero deume a impresion de ser bastante chusquiña. Terei que voltar con mais tempo e falar cos veciños dalí, que non son moitos, a ver que me contan e a ver se alguén ten a chave para “afotala” por dentro tamén, sobre todo se efectivametne está abandoada, para ter un recordo denantes de que caia.

A igrexa está relacionada cos templarios pois garda alomenos 5 cruces de malta nas súas paredes. Sabendo que os templarios protexían os camiños de romeiros e nesta zona protexían o camiño de Santo André de Teixido; e que ademáis un dos camiños que chegaba a Teixido pasaba polas Somozas, fai sinxelo deducir que este camiño pasaba polas Enchousas. Son suposicións miñas nada máis, non sei cal era a ruta exactamente que non o mirei, pero penso que non sería de extrañar que pasase por alí.

A entrada moi descoidada.

Ó lado dereito da porta temos unha das cruces de Malta.

Temos outras tres cerca da porta do lateral da igrexa que dá á estrada.

E a quinta na inscripción da parte traseira.

Que ven a dicir algo así como que Pedro Piñón a fundou (mandou facer, finaciou…) algo así creo entender.

Bueno, esta é unha cruz flordelisada, empregada na heráldica, sen embargo, nas proporcións dos brazos segue a tipoloxía da cruz de malta, os catro miden o mesmo asi que … conteina como tal jeje

Bueno, logo de afotala e ver o tarde que se me estaba a facer, de camiño para Cedeira inda fixen unha pequena paradiña en San Xoán dos Casás para ver o cruceiro tan singular que alí teñen:

É curiosa a reducida altura do seu fuste. Como ben din na web dos Casás (www.oscasas.com) isto pode ser debido a unha rotura do mesmo. Penso que están no certo inda que igual está feito así, quen sabe… O caso é que se ve bonito tal que así.

O que me chamou moito a atención foi o campanario da igrexa. Ten unhas reviravoltas moi curiosas e en vivo parecen como dunha época distinta ó resto da igrexa (non sería de extrañar posto que moitas igrexas desta zona estan requetereformadas).

Non sei o que representan. Non vira algo así denantes (e se o vin non lle prestei atención ningunha porque non o lembro). Estiven a pensar no tema e cheguei á conclusión de que como o santo patrón é San Xoán, poda ser a representación dalgún dos atributos dese santo, pero son tan só conxeturas miñas. En canto averigüe o que representan con seguridade aquí o anotarei.

Nesta inscripción da igrexa lese que se edificou no 1729, xa choveu … Non sei o que significan esas boliñas que ten enriba, parece que falta unha.

Moi cerca da igrexa está este edificio. Non sei que uso se lle dá na actualidade nin se é unha casa particular, pero estou segurísima que tempo atrás foi unha escola. Houbo unha época na que todas as escolas se facían así por aquí e son fácilmente identificables.

Despois arrinquei para Cedeira, logo de mercar o que ía buscar (e picar con algo máis, ainssssssss) cheguei á casa (medio amolada con tanto sol) e tireille unha foto a este carro de herba. Cando era nena ainda se vía bastante xente con vacas, cabalos, carros… notábase que viviamos nunha aldea, pero a día de hoxe é cada vez máis difícil ver unha escena coma esta eiquí e non podo deixar de mirar con certa nostalxia durante o tempo que pasa, matinando no tempo que falta para que estas cousas desaparezan por completo.

 Foi un día bastante enxebre.

 

Advertisements

2 Comentarios

  1. goiriz said,

    Abril 7, 2008 ás 10:05 am

    ¡Joer! Si non fora porque estuveche “maliña” teño que botar todo o día para ler o teu post, jejejeje. Mira que tes capacidade de traballo.
    Ponte boa.

  2. altuntun said,

    Abril 7, 2008 ás 2:55 pm

    Graciñas.
    Hoxe estou cargadiña! Xa case esgotei tódolos panos de papel que tiña (que non eran poucos) jaja
    Vou aproveitar o comentario para facer unhas anotacións sobre o post e asi non teño que ir a editalo e remato antes jeje

    A primeira anotación é sobor o misterioso campanario da igrexa dos Casás: resulta que as reviravoltas son de cemento (manda truco, que mal teño a vista), polo que non son antigas. Entón o único que se pode ver da antiga igrexa é a placa co ano de fundación jaja Ó parecer esas reviravoltas representan as chaves do ceo, que cousas. Por certo, un atributo de San Pedro, que non sei porqué o puxeron na igrexa de San Xoán.

    E a segunda sí que é interesante:
    Eu dubidaba se as marcas en forma de cruz na igrexa das Enchousas terían relación cos templarios, porque tamén poderían ser marcas de canteiros ou calquera outra cousa. (Non son unha cruz de malta tan evidente como a que se pode ver, por exemplo no santuario de san Andrés de Teixido) Relacioneinas cos templarios, logo de telas visto en lugares que sí están relacionados con eles, pero como non son experta no tema tampouco o podería asegurar.
    Pois ben, coido que xa o podo afirmar con seguridade porque investiguei sobre o tal Pedro Piñón que fundou a igrexa esa e resulta que era natural de ahí das Enchousas e, senón el directamente, a súa familia si garda relación cos templarios, pois un herdeiro seu (neto ou bisneto ainda non sei seguro) foi cabaleiro da Orde de Malta e na súa familia hai outros relacionados con cargos eclesiásticos polo que inda que o tal Pedro Piñón non fora un templario, podía ter tido simpatías con eles, ou de tódolos xeitos nalgún momento da historia a igrexa puido contar coa protección destos señores xa que os herdeiros sí gardaban relación directa cos templarios. Un dos descendentes directos de Pedro Piñón casou cunha rapaza dos Lamigueiro (tamén desa zona, eran de Cerdido) e dahí saíu o cabaleiro da Orde de Malta.
    A información tireina dun rapaz cubano que fixo un estudo sobre a súa familia (Lamigueiro) e inclúe uns datos interesantes sobor propiedades da zona que pertencian á Orde.

    O que me sorprendeu moito mentres procuraba información é que bastante xente nega a presencia de templarios en Galicia (cando xa está comprobado e documentado, pero bueno…) e non sei a razón, ¿que ten de especial que estiveran aquí? Sempre andamos igual, a xente emperrada en negar calquera dato “especial” sobre a historia de Galicia.
    Eu penso que os galegos debemos ser extraterrestres que nos chimparon un día dende un platillo volante e eiquí nos caímos, porque está bastante mal visto que investiguemos sobor o noso pasado jaja


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: